Arquivo para xuño, 2007

Manifestación este sábado 6 de xuño en Vigo contra a cimeira do G8 baixo o lema: “Facendo do capitalismo historia. Botémolo abaixo”

Fazendo do capitalismo historiaEsta mobilización sairá ás 18 desde Vía Norte até a rúa de Príncipe, fronte ao Marco, e visibilizará desde a cidade de Vigo a loita contra a dominación capitalista.

Galiza Nova Baixomiño acudirá á manifestación na cidade de Vigo en contra da cimeira que nestes días se está a celebrar na vila de Rostock, en Alemaña dos oito países máis poderosos do mundo. Pensamos que tamén desde Galiza, e desde o sul deste país podemos e debemos amosar o noso rexeitamente ao seu modelo de explotación, visibilizando a necesidade de facer efectiva a xustiza social e as alternativas que día a día dos colectivos que traballan desde abaixo e pola esquerda.

Esta mobilización esta convocada por organizacións xuvenís, deportivas, centros sociais e outras organizacións políticas: AMI, Asemblea Anti-imperialista, Ateneo Libertario, Ceivar, Celtarras, Centro Social A Formiga, Centro Social Faísca, Centro Social Revolta, CIG Mocidade, Galiza Nova, GAS, Kaleidoscopio, Nós-up, Precarias en Loita, Siareiras Galegas e SRI.

No manifesto desta convocatoria manifestase que “deslexitimar o G8 é só un primeiro paso na marcha cara un movemento global contra a dominación capitalista onde queira se dea. Somos, por tanto, contrarios a toda xestión capitalista da sociedade por canto supón un modelo altamente regresivo en materia de conquistas democráticas.

Desde estes colectivos tamén se realiza unha avaliación da situación xerada polos efeitos negativos das políticas neoliberais e as súas consecuencias inmediatas na Galiza : “a chegada do AVE, os megaportos de Vigo e A Coruña, a proliferación de PXOM´s relacionados con escuras tramas inmobiliarias, a especulación urbanística, o constante expolio do medio natural, o incipiente uso de transxénicos, a hiperexplotación dos sectores asalariados, as dobles e triples xornadas de traballo das mulleres,as altas taxas de migración xuvenil ou a descomposición do tecido social son a mostra palpábel do deterioro das condicións xerais de existencia nun territorio da periferia de Europa, submetido á ditadura do capital”. Así, e contra esta realidade de privación de dereitos fundamentais, “reivindicamos toda unha serie de iniciativas que percorren hoxe de punta a punta o quefacer cotiá de milleiros de persoas en forma de loitas contra a mundialización da economía, a mercantilización da vida, o control social, o tráfico de mulleres, o retorno da enerxía nuclear e a chantaxe do progreso tecnocientífico. Pero tamén pola reclamación do dereito á liberdade de tránsito e residencia, a condoación da débeda externa aos países do terceiro mundo, a defensa do territorio ou a reivindicación por unha renda básica para todos e todas”.

Outras das cuestións clave para os convocantes son as demandas e mobilizacións do transporte público gratuito, da igualdade real entre mulleres e homes, da vivenda digna, da cultura popular, pola obxección fiscal contra os gastos militares, pola soberanía alimentaria, “e un longo etc que irá collendo corpo a medida de sermos quen de entender a importancia real da catástrofe planetaria xerada pola globalización capitalista”.